viernes, 12 de junio de 2015

Despedida!! 


“Vou a dar a despedida,
vou a dar o parabén.
Vou a dar despedida
que ma dan a min tamén….”
Esta é unha copla coa que rematan case todas as cancións tradicionais galegas que, como sabedes, a min gústanme moito. Elexina porque ven moi ben para o momento vital no que me atopo. Por unha banda eu despídome de vós e do meu traballo e, por outra, a min tamén me despiden, porque me xubilo.
Xubílome….! Fáiseme difícil asimilar todo o que esta palabra leva consigo pois levo dando clase dende hai….37 anos! Uf…! Empecei con 23, con moitísima ilusión e gañas de transformar o mundo, de combater as inxusticias que a cotío vía ao redor. Co paso do tempo non perdín a ilusión, pero aprendín unha lección importante: un só, non pode cambiar nada, pero xunto con outros, si. Somos como as areas do deserto que, collidas unha por unha, non son nada, nin se ven, pero todas xuntas, fan dunas, montañas e cando sopla o vento, modifican mesmo a paisaxe.
Así somos nós. Todos xuntos podemos transformar o mundo.
Vós estades entrando nuha etapa moi importante. O curso que ven empezaredes a ESO e, cando vos dedes conta estaredes, algúns na universidade, outros traballando e outros facendo o que poidades ou o que queirades porque, en grande medida, o futuro depende de cada un. Diredes: “Ui! iso está aínda moi lonxe”e tedes razón o que pasa é que a vida, e neste caso os estudos, podemos comparalos a unha longa escada que hai que ir subindo chanzo a chanzo. Cada paso que damos ten coma base o anterior e ao mesmo tempo é base para o seguinte. Se queremos chegar a 4º, temos que empezar superando 1º, que está á volta do verán, en setembro.
Eu anímovos a que vos esforcedes e estudedes. Canto máis preparados esteades, mellor entenderedes o mundo e máis posibilidades teredes de elexir a vida que queirades levar.
Pola miña parte só me queda dicir que sodes un grupo que me chegou ao corazón porque, ainda que moi charlatanes e revoltosos, tedes moita  empatía e vos sentimentos. Sodes capaces de entender e axudar ao compañeiro ou compañeira que o precisa (espero que non perdades iso nunca). En definitiva, sodes moi boas persoas e iso para min é o máis importante.
E polo que aos estudos se refire,  tal como ides preparados, podedes superar perfectamente o curso que ven sempre e cando vos esforcedes, claro.
Así que:

Ata sempre rapaces!!!
Ánimo! Pasadeo ben, sede moi felices e….Estudade moito!!

3 comentarios: